Thursday 19 de September de 2024

XI edición do Xuño da Cultura e as Artes


A concelleira de Cultura, Antía Alberte, presentou hoxe a décimo primeira edición do Xuño da Cultura e das Artes, un programa que coordina a Concellería de Cultura coa suma do esforzo de entidades, asociacións, colectivos, agrupacións, comisións, institucións e áreas municipais.
“Este programa naceu cos obxectivos de poñer en valor o traballo cultural do tecido social do municipio, amosar a cultura na rúa a través de diversas actividades culturais en todas as disciplinas artísticas, e realizar polo menos un acto cada día do mes de xuño, combinando a cultura de pequeno formato cos medianos eventos adaptados as actuais circunstancias.” explicou a concelleira. “Durante o mes de xuño a música, o teatro, a literatura, o baile, a festa ou a exaltación das nosas raíces irán da man para que todas nos sintamos plenamente identificados favorecendo a participación social.”

O programa conta con máis de cen actividades que se van organizar con preto de cincuenta asociacións participantes e nas que o Concello tamén contribúe con diferentes accións organizadas polas distintas áreas municipais.

Tamén se contará con presentacións literarias, accións interxeracionais como as festas de Bandourrío ou Artes, obradoiros e actividades infantís, as clausuras de escolas deportivas como patinaxe ou ximnasia rítmica, contacontos no Lustres Rivas, accións musicais a cargo do conservatorio municipal, concertos, charlas e coloquios, clases abertas de baile, e proxeccións audiovisuais.

O Acto Institucional de clausura deste programa terá lugar o domingo 30 de xuño ás 20.30 h no novo auditorio, e contará coas actuacións da Coral Polifónica Municipal, o alumnado da escola municipal de ballet e do grupo municipal de teatro.
Para a difusión deste programa editáronse folletos de man e nos que se presentan todos os actos organizados por día para que quen o desexe teña un calendario completo de actividades espalladas ao longo do mes. Ademais toda a información e programación estará colgada na páxina web municipal e redes sociais o que nos permitirá a súa actualización constante en caso de variacións por incidencias, climatoloxía así como a incorporación de novas actividades.